Rouco Varela facendo un "implied facepalm".
A toda esta polémica alentada dende babor e estribor súmanse as declaracións do conselleiro de Cultura (¿para que carallo necesitamos consellería de cultura?) e as do propio Feijoo, nas que se recupera o discurso do galeguismo. Era previsible que tanto dende babor (¡Feijoo aprópiase de algo que semella o noso discurso!), como de estribor (¡Feijoo é peor que o Bloque!), saíra moita xente alporizada a facerse o hara-kiri polas rúas.
Imos ver rapaces, ¿dende cando o PP de Galicia non é galeguista? ¿Coñecedes como se formou o PP de Galicia? ¿Sabedes cantos partidos galeguistas fagocitou dende hai vintecinco anos? O discurso conservador galego, sempre foi da mán do galeguismo. Un galeguismo que non se pode confundir co nacionalismo galego. O galeguismo é unha tendencia cultural e política que non separa de España. É a defensa dunha cultura galega situada no mundo, unha cultura universal como outras, que forma parte da hispanidade, do mundo hispánico, e que tende os seus fins políticos a mellora-las condicións socioeconómicas da terra. O galeguismo non é que sexa un corpus ideolóxico cerrado. Evolucionou, e hoxe en día abundan os que o confunden cun rexionalismo desnatado ou directamente co nacionalismo galego que é de corte marxista e polo tanto a cousa menos galega que te podes botar á cara.
Cando Risco falaba da "esenza da raza" e o "sentimento relixioso da terra", ¿que ten que ver iso coa fundación da UPG nos sesenta ó son da Internacional? ¿É que ninguén reparou en que a terra coa maior taxa de minifundismo probablemente de toda Europa non pode asentar de xeito estable unha ideoloxía pétrea como a marxista do BNG? O nacionalismo galego é un espexismo. O que sí se asenta de forma permanente é a ligazón do pobo coa terra. Porque a leira, a chalupa ou a sombra do carballo baixo o que merendabas de neno, son as patrias verdadeiras do galego. A cociña, as filloas e a aldea ó redor da parroquia de pedra, son a patria. Non unha rexión do mapa, non. Non me refiro a patria política, senón á espiritual. A patria política é a española, que non debemos esquecer que España na historia preséntase como un imperio creador dentro do que sempre houbo diferentes pobos. Non se pode entender o tradicionalismo galego sen entender a España.
Esa tradición só a pode recoller un pensamento conservador. E a organización política conservadora (algo conservadora) que hai en Galicia é o PPdeG. Así que é o máis lóxico do mundo que esa cultura, esa conexión co pasado, con Murguía, Brañas, Risco, Otero Pedrayo incluso, esté hoxe presente nun galeguismo que defende só un partido. O PSOE intentouno e cagouna ó aliarse cos nacionalistas. O PSdeG a día de hoxe carece de bagaxe cultural ligado á historia para crear ideoloxía e programa. Mesmo nun debate de LDTV que vin hau pouco Mario Noya dicía que Fraga fora como Pujol e que sentara as bases de que hoxe en Galicia haxa galegusimo no PP, etc. É falso. Fraga é un conservador galego e polo tanto asumiu o discurso galeguista que vense dando dende hai máis dun século.
A quen lle colla de novas o discurso galeguista do PP é que non coñece o conto. ¿Arrepentirse agora de votarlles? Oes, pois tiñas que saber que estabas a votar. A culpa non é do PPdeG, a culpa é túa.
PD: ¿Por que esta merda si interpreta o HTML na previsualización e non á hora de publicar? ¿Quen fixo este sistema tan mal feito?